QUEN SOMOS?

ANTONIO GALLEGO CID, S. L. é unha empresa netamente ourensá dedicada desde 1981 a xestionar servizos de restauración e catering e a elaborar menús para colectividades, ofrecendo un servizo de hostalaría baseado na cociña natural e artesá (caseira, mediterránea, atlántica e estacional) cuxos principais ingredientes son a calidade dos produtos e a formación continua dos nosos profesionais de cociña.
Cunha especial dedicación aos centros educativos, o noso servizo de comedor comprende ademais organismos públicos, centros residenciais, centros de día e escolas de verán, baixo os máis esixentes controis de calidade e hixiene. Resultado desta esmerada labor foi a consecución da Certificación de Calidade ISO 9001 e Medioambiental ISO 14001.
ANTONIO GALLEGO CID S. L. está integrado por profesionais experimentados no campo da hostalaría, implicados no seu quefacer cotián. Así o avalan estes 30 anos de esforzo nos que servimos máis de 30 millóns de menús cunha clara diferenza que marca a nosa filosofía, a satisfacción dos nosos comensais e a tranquilidade das súas familias.
A nosa tradición familiar en Comedores Escolares, combinando saúde e sabor, fai de ANTONIO GALLEGO CID, S. L. unha empresa modelo non só a nivel autonómico, senón tamén estatal.

O noso principal valor é a experiencia e calidade:
30 anos prestando servizo de comidas a colectividades
e máis de 30 millóns de menús servidos.

OBXECTIVOS XERAIS

Proporcionar a toda a comunidade educativa un servizo básico e cotián de comedor que facilite a continuidade do traballo no centro de estudos ou traballo.
Garantir ás familias a xornada escolar completa dos seus fillos e fillas dentro do centro, en función dasnecesidades laborais dos pais/ nais, distancia do centro ao domicilio ou outras circunstancias.
Atender coa mesma eficacia, en canto a servizo alimentario, educativo e de saúde, aos alumnos que presenten necesidades específicas de apoio educativo (alumnado con discapacidade, alumnado inmigrante…)

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

Debemos así mesmo enumerar unha serie de Obxectivos Específicos, que emanan directamente dos xenerais pero enunciados de xeito máis concreto para ser facilmente avaliables e verificables:
1. Subministrar un menú gastronómico, ao mediodía, equilibrado e variado, adecuado ás necesidades nutricionais dos comensais.
2. Promover, tanto no tempo da comida como no de lecer, valores de respecto, urbanidade, aceptación mutua e compañeirismo como eixos fundamentais dun contexto socializador favorable.
3. Promocionar hábitos saudables: manipulación hixiénica dos alimentos e destrezas no comer -masticación, ritmo, orde e proporción nos anacos de alimento, limpeza das mans, uso de cepillo dental.
4. Promover diferentes habilidades: uso efectivo e específico dos cubertos, coñecemento dos alimentos, as súas propiedades nutritivas e os efectos derivados deles no organismo, a variedade, o pracer para comer, recoñecemento de diferentes formas de preparar cociña galega, asturiana, catalá…
5. Organizar o tempo de lecer como un espazo educativo a través de actividades lúdicas: deportes, cursos, biblioteca, xogos de mesa, tarefas de grupo, talleres, concursos, etc.
6. Implicar ás familias no proceso educativo os seus fillos e fillas a través das canles de comunicación e participación que o centro estime, co fin de establecer vínculos colaborativos e optimizar deste xeito tanto os recursos, como a educación do alumnado e a calidade do servizo ofertado.

Consideramos que esta participación debe ser:

  • Aberta, o que implica establecer uns medios (reunións periódicas, talleres, Escolas de Nais e Pais, caixa de correos de suxestións, etc.) para informar, formar e achegar conxuntamente novas ideas sobre o comedor, a adquisición de hábitos, a alimentación equilibrada, o consumo, etc.
  • Progresiva, entre as familias e os educadores, co fin de poder analizar a promoción de hábitos saudables nos nenos e nenas. Nestas reunións será importante revisar os hábitos de actuación favorables á saúde que axuden a potenciar habilidades, actitudes e comportamentos diversos.